Friday 03 de May de 2024

O proceso de creación da primeira comunidade enerxética local de Carballo entra na fase de participación veciñal


O xoves 25 de xaneiro, ás 19.00 horas, o Fórum acollerá a presentación do proxecto nun acto aberto a toda a cidadanía

                                         

Na nosa determinación de poñer en marcha medidas que axuden a reducir os gases de efecto invernadoiro, a loitar contra o cambio climático e a propiciar unha transición ecolóxica xusta e sustentable, desde o Concello estamos a promover a creación da primeira comunidade enerxética local de Carballo.

 

Na procura dunha enerxía accesible, sostible e segura para a veciñanza, desde o Concello de Carballo elaborouse un estudo de viabilidade técnica e xurídica para a creación dunha comunidade enerxética que servirá como punta de lanza para xerar enerxía renovable, sostible e económica para os subministros municipais, e tamén para as familias e as pemes que queiran adherirse.

 

No camiño para a posta en marcha da comunidade enerxética chegou o momento de de abrir o proceso informativo e participativo para que a veciñanza coñeza o proxecto e poida formar parte da comunidade na forma que se considere máis axeitada. Con esa finalidade, o xoves 25 de xaneiro, ás 19.00 horas, celebrarase no Fórum Carballo unha xornada aberta a toda a cidadanía na que contaremos coa presenza de Xosé Manuel Golpe Acuña, técnico da Unidade de Xestión Enerxética da Deputación Provincial da Coruña e experto en comunidades enerxéticas.

 

É moi importante que a veciñanza interesada, empresas e entidades acudan para informarse e iniciar o proceso de creación da primeira comunidade enerxética en Carballo.

 

PREGUNTAS E RESPOSTAS

Que queremos facer?

Crear unha comunidade enerxética no termo municipal de Carballo ao redor dos proxectos de xeración enerxética que o Concello e a veciñanza promovan.

 

Para que?

Para xerar enerxía no concello de Carballo, autoconsumila colectivamente e crear unha entidade que se encargue da súa xestión.

 

Como?

Mediante un proceso participativo promovido polo Concello. Neste proceso participarán a veciñanza, empresas, pemes e entidades interesadas, e pasarán a formar parte do grupo motor que porá en marcha esta comunidade.

 

Que é un grupo motor?

Un grupo consumidores que será o encargado de poñer en marcha a comunidade enerxética. Con esa finalidade promoverase a formación, a capacitación e a cohesión entre esas persoas ao longo do proceso participativo.

 

En que consiste o proceso participativo?

Realizaranse unha serie de sesións nas que se traballará de forma dinámica e grupal ao redor dos tres elementos necesarios para a posta en marcha da comunidade:

  • Enerxías renovables e proxectos enerxéticos
  • Normativa relativa ás comunidades enerxéticas
  • Gobernanza e xestión